Xuntanza 25 de Novembro

Portada de La mirada oscura

O venres 25 de novembro tivemos a segunda xuntanza dos membros do club de lectura. Os máis pequenos comentaron o que lles encantou mergullarse na maxia do misterio do relato curto “O enigma do menhir” de Agustín Fernández Paz e os máis maiores quedaron atrapados nas historias entrelazadas de paixón, intriga e realidade histórica que narra a súa novela Noite de voraces sombras.

La mansión de los abismos

Nesta xuntanza aproveitamos para escoller o tema do segundo libro e decidimos seguir deixándonos atrapar polo misterio, neste caso, da man do autor catalán Joan Manuel Gisbert. Os escollidos foron:

La mansión de los abismos. Nesta novela imos somerxernos nunha inquietante trama no que o real e o imaxinario se converten en realidade.

E La mirada oscura, a través da cal, descubrimos que o mundo das aparencias non sempre é o que parece.

Nova andaina do club Galeano

O 28 de outubro, na biblioteca do noso IES, tivo lugar a primeira reunión dos membros do club. Os libros que eliximos para comezar pertencen ao autor Agustín Fernández Paz. Escollemos un relato curto que leva por título “O enigma do menhir” e a novela Noite de voraces sombras.

Esta é a novela escollida

Trece anos de Branca

Portada do libro

Portada do libro

Trece anos de Branca, do galego Agustín Fernández Paz é o segundo libro que escollemos para ler no club.

Branca, enferma de hepatite, ten que pasar dous meses na casa e gardar repouso absoluto. Non pode ir ó instituto e está moi triste por ter que pasar o seu aniversario na cama. Pero, o que máis vai botar de menos é ó seu grupo de amigos, sobre todo a un deles, Lois. A partir dun dos regalos que recibe, un álbum de fotos, Branca vai repasar toda a súa vida, todos os episodios que a marcaron e todos aqueles momentos felices que recorda grazas as fotos que vai pegando nel.

 

 

 

 

 

As vosas opinións…

O libro obtivo unha puntuación moi boa. Alégranos moito que vos gustara. Lembrade que podedes facer comentarios nas mesmas entradas de blog, pinchando arriba onde pon RESPONSES.

Estas son algunhas das opinións que deixastes no taboleiro …

O neno do pixama de raias

O libro é moi triste pero moi bonito”… é o comentario xeral de todos os que leron a novela.

A perspectiva dende a que está narrada a historia aínda a fai, ás veces, máis cruel. Bruno non pode ter máis distorsionada a realidade e contrasta ca forma de ver as cousas do seu amigo Schmuel.

Aquí tendes un extracto do capítulo 12, no que podemos comprobar como a forma de ver as cousas, non sempre é a mesma.

– O único que sei é o seguinte – comezou Schmuel – . Antes de vir para aquí, vivía con miña nai, meu pai e meu irmán Josef nun pequeno piso que tiñamos enriba da tenda onde Papá facía os seus reloxos. Todas as mañás almorzabamos todos xuntos ás sete en punto e, mentres nós estabamos na escola, Papá arranxaba os reloxos que lle traía a xente e tamén facía algún novo. Eu tiña un reloxo precioso que me dera papá, mais xa non o teño. Tiña unha esfera de ouro e sempre lle daba corda pola noite, antes de ir durmir, e sempre daba a hora correcta.

 

E que lle pasou? – preguntou Bruno.

Que mo quitaron – dixo Schmuel.

Quen?

Os soldados, claro – dixo Schmuel como se fose a cousa máis evidente do mundo.

Entón todo comezou a mudar – seguiu Schmuel – . Un día cheguei da escola e a miña nai estábanos a facer uns brazaletes cunha tea especial, debuxando unha estrela en cada un deles. Como esta – e utilizando un dedo fixo un deseño no chan de po que había xusto diante del.

E díxonos que sempre que saísemos da casa tiñamos que levar un deses brazaletes.

O meu pai tamén leva un – dixo Bruno -. No seu uniforme. É oi bonito. É moi colorido, en vermello cun deseño en branco e negro – e utilizando o dedo fixo outro deseño no chan cheo de po do seu lado do aramado.”

Está claro que o libro gustou moito

Está claro que o libro gustou moito

Os compoñentes do club enfrascados na lectura

Os compoñentes do club enfrascados na lectura

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Arrancando motores

Este curso o club de lectura arrancou cun pouco de retraso. Ao principio, os alumnos e alumnas andaban algo preguiceiros con isto de pórse a ler pero, despois dalgunhas sesións, logramos formar finalmente un grupo de 20 lectores de 2º da ESO.

Foto blog 1

Portada da tradución galega do libro

O primeiro libro que escollemos foi O neno do pixama a raias do irlandés John Boyne. Aínda que a temática é moi dura, foi o elixido pola maioría.

Narrada dende o punto de vista inocente de Bruno, un neno de 9 anos fillo dun oficial nazi, esta novela describe todas as atrocidades que tiveron que padecer os xudeus nos campos de exterminio.

Bruno vese obrigado a mudarse de casa e trasládase a vivir a Auschwitz xunto á súa familia. A desesperación por ter que deixar os seus amigos e a súa vida anterior desaparece cando coñece a Schmuel, un neno xudeu que se atopa ó outro lado do aramado. Bruno en ningún momento é consciente do que está a pasar e así comeza a historia de amizade entre estes dous nenos.

O bocexo do puma

Portada da tradución galega da novela

Portada da tradución galega da novela

Unha vez feito o percorrido polo Camiño de Santiago ata Fisterra, toca ler unha obra que se desenvolve plenamente ao longo deste roteiro milenario. O bocexo do puma, do escritor valenciano afincado en Asturias Gonzalo Moure, é unha novela sorprendente e amarga, unha reflexión sobre a vida e as relacións persoais. Un mozo decide percorrer o Camiño desde Roncesvalles a Santiago, e despois continualo ata Fisterra. O motivo que desencadea este percorrido é a morte dunha amiga moi especial. Ao longo da obra iremos descubrindo as circunstancias que rodearon ese suceso e o porqué do comportamento de Abram, o protagonista.

Gonzalo Moure Trenor é un escritor especializado na literatura xuvenil, na que ten acadado numerosos e importantes premios. Nas súas obras presta especial atención aos problemas sociais e aos conflitos que deben afrontar os adolescentes para encontrarse a si mesmos. Esta novela, cuxo título orixinal en castelán é El bostezo del puma irá desvelando moitas sorpresas, entre elas a razón de tan estraño título. Esperamos que vos guste!

Até sempre, Galeano

Até sempre amigo. Este luns 13 de abril, con 74 anos de idade, deixounos o mentor do noso club. Ao final o cancro de pulmón puido cunha voz que ningunha ditadura fora capaz de calar. Pero as palabras permanecen e viaxarán no tempo por múltiples medios. E o noso club de lectura seguirá rendendo homenaxe a unha personalidade irrepetible. Agardando ese derradeiro libro que deixou escrito para ser publicado despois da súa morte, rendémoslle hoxe a penúltima homenaxe.

Edu

 

 

 

 

 

 

 

A ladroa de libros

Portada da edición en inglés

Portada da edición en inglés

A ladroa de libros (The book thief no seu título orixinal) é a novela coa que o club de lectura reemprende as súas actividades neste curso 2014-2015. Tratase dunha novela do ano 2005, do xove autor australiano Markus Zusak. Esta obra tivo un éxito espectacular desde a súa publicación, recibindo premios e batendo récords de vendas en todo o mundo. Ademais foi levada ao cine co mesmo título nunha película estreada en 2013.

Trátase dunha novela na que se destaca unha peculiaridade moi especial: o narrador é a propia Morte. Tratase dunha historia de amor pola lectura nos tempos do nazismo e o holocausto. Un elenco de personaxes interesantísimos, comezando pola propia protagonista, nos fará ver que a tenrura, os sentimentos positivos e a amizade sobreviven mesmo nos tempos máis terribles. Esperemos que gocedes da lectura e comentarémola á volta do Nadal!

A cea

O escritor holandés Herman Koch publicou Het Diner (A cea na excelente tradución galega editada por Galaxia) no ano 2009. O éxito deste libro foi inmediato e consagrou a este autor, casado cunha española, que traballou ademais como actor e guionista de series de televisión.

A agudeza e o sarcasmo de Koch levan o lector a participar nunha cea nun restaurante de luxo (con todos os ritos e tópicos deste tipo de establecementos). Os asistentes, persoas “normais e correntes”, cultas, educadas e “politicamente correctas”, intentan solucionar graves problemas relacionados cos seus fillos… e con eles mesmos.

Os lectores galegos xa coñecen a Herman Koch, pois foi galardoado co IX Premio Novela Europea do Casino de Santiago precisamente por esta espléndida novela, que atrapa e deixa conmocionado ao lector pola súa temática e a crueza da súa narración. Un dos personaxes actúa como narrador e vainos debuxando a vida dunha, aparentemente, típica familia xove da Europa do benestar. Pero a novela vai abríndose e desvelando progresivamente unha realidade máis complexa e brutal, as aparencias iniciais vanse desfigurando e asistimos á intolerancia e á violencia que se agocha detrás duns personaxes de alto nivel cultural e social.

A novela tivo, desde a súa publicación en 2009, un enorme éxito  dentro e fóra do seu país. Xa hai unha adaptación cinematográfica realizada en Holanda, da que vos poñemos o tráiler. Desfrutade da lectura.